domingo, 12 de junio de 2011

Carreira de Cambados 2011

O día prometía hoxe, unha temperatura agradable e o ceo encapotado, condicións ideais para correr, só faltaba que as pernas responderan. Así que sobre as 9 da mañá sain da casa dirección Cambados, pensando no obxectivo que me autoimpuxera para esta proba, facer aproximadamente 1h 2'. Durante estes últimos días tivera dúbidas sobre se o conseguiría ou non, coidaba que non sería capaz, que estaría máis ben sobre os 64', a pesar de que o meu adestrador, o gran Pedro sempre me dicía que o ía conseguir......

O chegar a Cambados xa se respiraba o ambiente de proba grande, aínda que este ano con menor participación (coincidían con esta, alomenos 4 carreiras repartidas unha por provincia, mais a nocturna de Celanova que se disputara onte). Dirixinme a recoller o dorsal e alí saudei a Oliveira, autentica "alma mater" desta fantástica proba, quen xa estaba desexando que rematara todo e poder quitar de enriba o stress das últimas semanas. Despois seguimos co ritual habitual das probas, última visita ó coche para botar un chisco de vaselina e colocar ben o dorsal e de novo me dirixo á zona de saída. Este ano tamén foi un chisco raro comparado co pasado, xa que foi neste mesmo lugar hai un ano onde se fraguou a miña incorporación  a esta gran clube e mellor familia do C.A.R. Marisqueiro e nesta ocasión  había moita menos representación (seica os malucos andaban por Portugal) apenas Pancho, os irmáns Abreu, Cheetos e TonioFrancia (esa ultramáquina que temos no equipo) .... Tamén como parte do ritual pre-carreira, aparte dun pequeno quecemento, tocaron as clásicas relacións sociais, saudando a moitos dos colegas do foro de Correr en Galicia, uns máis habituais e outros cos que había xa tempo que non coincidía. Impresionante tamén ver os grandes favoritos quecendo, gran nivel, Pedro Nimo, Hassan, Akka, Elías e para min unha sorpresa, o inmenso triatleta Javi Gómez Noya......

E chegaron as 11 da mañá, despois dunha "saidus interruptus" puxémonos en marcha e xa comprobei que este ano o "furgón de cola" estaba claramente desnutrido, faltaban xente como a nosa compañeira Gelu, Alberto (do Penta), Lore, Flip, etc. Digo que xa o comprobei porque enseguida me quedei na cola, por sorte acopleime os dous únicos corredores que non escaparan coa masa..... Eu notaba que ía ben, aguantáballes o ritmo, e o paso por meta na primeira volta confirmábao, apenas 19' 11" a un ritmo de 5' 45", demasiado forte para min nestes 3.3kms. Nada mais pasar por meta xa nos pasaron os primeiros clasificados como auténticas balas e os meus compañeiros de furgón dedicaronse a velos pasar e a tomar o 1º avituallamento con calma. Así que sin querelo quedei só nesta segunda volta, sen ningún obxectivo claro por diante e collendo vantaxe ó dúo de cola. Isto, unido o ritmo demasiado alto da primeira volta, fixo que aínda que eu non quería, pouco a pouco fose perdendo folgos e baixando o ritmo, aínda así pasei polo km5 en 29'25" aproximadamente, aínda a 5'53", e mellor marca nun 5000 da tempada..... Sufrindo e sendo doblado por algúns atletas completei a segunda volta, pasando nun tempo de 40' 21" (aproximadamente a 6'03") e facendo esta volta en 21' 10", a 6'21"/km. Só quedaba sufrir na última volta sen desfondarse moito para poder estar preto do obxectivo, a medida que ian pasando os kms 7,8 e 9 parecía factible aínda que estaría moi pelado, así xusto cando o reloxo marcaba 1h exacta enfilaba por terceira e última vez a empedrada recta de meta, o desafío estaba ó alcance da man e........SIIIIIIIIII, 1h 02' 26" (6.14/km), CONSEGUIDO aínda que rematei desfeito, gastara moitas forzas na primeira volta e tiven que tirar da reserva e da forza mental para non desfondarme na última volta (ó final 22'05", a 6.38/km). Pedro tiña razón, si que podía, aínda que teño que mellorar a táctica de carreira, sair a morte ata rebentar e despois aguantar coa reserva non me convence (aínda que é a táctica que mellor resultado me deu ata o día de hoxe...)

E despois do merecido descanso, avituallamento e estiramentos post-carreira volvín cara casa cun sorriso na boca e matinando no próximo ( cuádruplo ) obxectivo, intentar enlazar as Medias Maratonas de Porto, Vigo,  Pontevedra e Betanzos, durante o vindeiro outono......Seguiremos informando....

1 comentario:

  1. PRIMEIRO: PARABÉNS!

    É UM CAMPEÃO! ACREDITA EM TI QUE CONSEGUES! Da maneira que vi a os teus tempos nos treinos, verifiquei que tinhas capacidade para realizar uma grande marca. Quanto à tactica de corrida? é uma questão de a mentalizares, mas vamos lá com tempo. É normal que tenhas entrado na corrida a ritmos rápidos, fruto talvez do trabalho de velocidade e qualidade que tens vindo a realizar... Agora...desfruta! Mais uma vez Parabéns!

    ResponderEliminar